Sunday 19 de May de 2024

A Deputación destina 464.000 euros para mellorar a rasante e ampliar dous tramos da estrada DP-1301 da Gándara a Amañecida


O alcalde brionés celebra a licitación dunhas obras que mellorarán a seguridade viaria da veciñanza

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación de dúas obras de mellora na estrada provincial DP-1301 da Gándara a Amañecida, no termo municipal de Brión, que suman un investimento de máis de 464.000 euros.

No tramo do vial que discorre entre os puntos quilométricos 3+250 e 5+870 e os traballos consistirán na mellora da rasante, a reparación dos defectos na capa de rodaxe e a regularización da totalidade da superficie coa extensión dunha capa de zahorra, grava e tratamento superficial. Inclúese a renovación da sinalización tanto vertical coma horizontal.

Asemade, nos primeiros 300 metros da calzada (entre os pq 0+047 e o 0+377), a Deputación executará obras de ampliación do vial ata obter 7 metros de calzada e 0,5 de arcén, ademais de pequenas melloras puntuais do trazado para a rectificación de curvas. As obras inclúen tamén a execución dun novo sistema de drenaxe e recollida de pluviais que mellore as condicións de circulación con choiva.

O alcalde de Brión, José Luís García, celebra o anuncio da entidade provincial e destaca que “mellorará a seguridade viaria dos centos de veciños e veciñas que nestes momentos teñen que camiñar polas beiravías para achegarse ata a zona de concentración de servizos e equipamentos no municipio, como a gardería, a parada do transporte metropolitano ou establecementos comerciais”. García agarda que “as obras poidan comezar este mesmo ano”.